GRADUADOS. PROMOCIÓN 2017-2020

PROMOCIÓN 2017-2020

Érase unha vez uns nenos de 3 anos chamados Alexander, Aitor, Vera e Lía, algo asustados, que chegaron ao colexio, por primeira vez, á casiña de infantil. Abrazábanse aos seus pais pero logo, moi logo, contaron con máis amigos que os que podían contar cos dedos das súas mans.

Os seus profes contábanlles moitas historias; pero, un día, os nenos empezaron a contarlles moitas máis. Aprenderon a ordenar a súa nova casiña; gustáballes decorala cos seus debuxos por todos os recunchos anunciando o outono, o Nadal ou a primavera; simulando outros países ou recreando outras culturas. Tamén aprenderon a merendar sos e a abrigarse cando facía frío para ir ao patio, e a asearse para estar guapos e sans.

Na nova casiña divertíanse cada vez máis xogando coas letras, pintábanas e debuxaban, descubríanas nos seus nomes, nos contos, nas cancións... Pero tamén se divertían cos números, a debuxalos, a sinalalos nos seus anos, na data, e a xuntalos e separalos. Dominaban as cores e os trazos. Ao ritmo da música e ao toque de palmas facían fermosas e alegres danzas, e ao ritmo dun chifro descubriron xogos tan entretidos... que nunca antes imaxinaran que puideran existir. Ademais sentíanse importantes, porque sabían dicir palabras en inglés que moita xente non sabía!

érase que se era unha vez, en menos que salta un peixe, eses nenos xa non tiñan 3 anos. E en menos que sube unha parede un gato, abrochábanse xa sos o mandilón e o abrigo; porque xa tiñan 4 anos! E adiviña, adiviñarás, nun abrir e cerrar de ollos... chegamos ata aquí. Porque colorín coloreado con 5 anos: xa se graduaron!

Moitas felicidades!.



E para que sempre vos acordedes desta aventura...



Os vosos amigos e amigas desexámosvos moita sorte, o cole grande espéravos...!


Comentarios