PASTA DE SAL

Unha nova proposta, lembrando aquela vez que fixemos o obradoiro de pasta de sal. Sinxelo de facer nas vosas casas. Tan só precisades: Fariña de trigo, sal, auga, e opcionalmente unhas pingas de aceite ou glicerina líquida(para que quede máis ligada e suave).
A proporción é a seguinte: O dobre de fariña que de sal. Auga só a que a masa vaia pedindo (hai que ir botando a miudiño). Se queredes facer de cores, tan só hai que engadir colorante alimenticio á auga.

Si premedes na imaxe podedes ver un vídeo titorial. 

Utilidades: É unha tarefa moi motivadora, relaxante, e que axuda na motricidade fina e na estimulación sensorial, entre outros aspectos. Podemos facer a masa, xogar con ela, moldear, facer formas, letras, números, o voso nome...o que se vos ocorra!  Pódese meter ao forno? Si, pero olliño de non queimarse. Pódese comer? Mellor non, está moi salgada!
Aconsellable: Cando a masa estea feita, é mellor deixala repousar un tempo no frigorífico. Iso si, ven tapadiña, xa que ao aire, sécase. E cando se seca ao aire, queda tan dura, que se pode pintar se a fixestes en branco.
Queredes mandarnos algunha fotiño da vosa experiencia? Pois non o dubidedes, ao email do cole: ceipvirxedocamino@gmail.com.


Comentarios