A TÉCNICA DO SEMÁFORO

Esta semana comezamos a empregar na aula a técnica do semáforo para controlar a conduta do grupo na aula. É dicir, para o control, respecto e cumprimento das normas da aula.

Hai moitas formas de elaborar o soporte. Este é 
exemplo semellante ao que empregamos na nosa aula.


Aínda que normalmente é empregada para regular as condutas e as emocións, esta técnica pódese empregar de moitas formas.  No noso caso, é para avisar ao alumnado de que non se está cumprindo algunha norma da aula. E funciona así: 

Todos parten cada día da luz verde, a luz que indica que todo está funcionando ben. Cando alguén está facendo algo que vai contra as normas da aula, antes de cambiar de luz, contamos ata dez, para darlle a oportunidade de darse conta de que algo non está ben  (o que estea facendo nese momento) e que así poida corrixilo a tempo. De non ser así, (que non fai caso do aviso) entón iníciase o semáforo: poñemos ao alumno/a ou alumnos que non están respectando a norma ou as normas, na luz amarela. 

A luz amarela é un novo aviso, que permite volver á luz verde, se consigue rectificar, calmarse e cumprir a norma ou as normas, manténdose nunha actitude positiva de colaboración. Pola contra, se reincide, continúa, ou insiste de novo no incumprimento, entón pasará a estar na luz vermella. Neste caso hai unha consecuencia inmediata, non poderá xogar nos recantos.

A maiores, hai unha norma xeral. Cada vez que todo o grupo-aula entra nun estado no que están alborotando, berrando, movéndose sen control pola aula e non atenden a razóns, entón faise soar unha campá. Se esta campá soa ata tres veces, entón todo o grupo pasará a estar na luz vermella, coa consecuencia que isto supón.

Como dicimos, neste caso empregamos a técnica para axudar a reconducir condutas momentáneas, facer cumprir a norma ou as normas da aula, deste xeito tamén axudamos a reconducir unha conduta que afecta negativamente ao seu comportamento.

MOI IMPORTANTE:

Ollo! Si queredes poñer en práctica esta técnica na casa, debedes deixarlle moi claro, o funcionamento exacto, as normas e as consecuencias. Iso si, tamén é moi importante facerlle ver e que entenda, que non debe mesturar o semáforo do colexio (da súa clase) co que empregades na casa. Debemos evitar que o neno/a entre en conflito interno co funcionamento dun e doutro, e por suposto evitarlle confusións ou situacións que poidan causarlle tensión ou estrés (angustia), ou que entren en contradición. No caso de querer empregar recompensas (reforzo positivo), estas deben ser equilibradas e axustadas, e non ceder a imposicións nin chantaxes. Todas as técnicas para autorregulación de condutas e emocións, requiren de paciencia, constancia e firmeza, ao tempo que transmitan seguridade e fiabilidade.

A continuación tedes unhas ligazóns con información sobre esta técnica e como levala a cabo.  Como poderedes ver, a técnica sempre se describe coa funcionalidade de regular as emocións, pero podemos adaptala ás nosas necesidades. Pero repito, sempre deixando moi claro dende o principio o seu funcionamento.

GUIA INFANTIL

ORIENTACIÓN ANDUJAR

PSICO AYUDA INFANTIL


P
ara a elaboración do semáforo podemos empregar diversos materiais, o esencial é a representación das tres cores, e que resulte atractivo e práctico:




Comentarios